sábado, 28 de febrero de 2009

PARA PENSAR E DEBATIR

Un corto de Xavier Sala que xa se convertiu nun clásico sobre a tolerancia.

sábado, 21 de febrero de 2009

Astronomy stories. ENTROIDO 2009. CEIP "MESTRES GOLDAR"

Como sabeis, o Colexio "MESTRES GOLDAR" é o meu segundo Centro e pódovos asegurar que organizan un entroido espectacular. Cada ano, Toniño sorpréndeme máis, guionando e organizando este macro festival onde é capaz, seguindo un fío condutor, facer saír a todo un colexio, alumnos, profesores e pais ao escenario e facer que gocen todos, artístas e espectadores.




Déixovos unha versión abreviada do festival do entroido celebrado non CEIP "MESTRES GOLDAR" como sempre, espectacular



Coma sempre nestas datas, mudamos as camisas para celebrar a festa
e botarmos unhas risas.
De todo o que aquí escoitedes non creades unha miga que como andamos de troula contamos moitas mentiras.



Os magos do Mestres Goldar,os reis de todo o sistema solar, ven os planetas e mais as estrelas,
e ao ceo mandan as nosas cometas.
Irán á lúa e tamén a Marte lanzando cohetes dende a ponte de Rande.
Veredes que ben o ides pasar vendo as estrelas no ceo brillar


Terían que chegar as épocas do Renacemento, para que os dous protagonistas da historia que pasamos a relatar, descubriran que a terra non era o centro do Universo.
O noso amigo Copi xa sospeitaba algo que lle confirmaría, máis tarde, o seu camarada Gleo.
Gleo, perfeccionou o incipiente telescopio, e fixo descubrimentos clave para a moderna Astronomía.


Os astrónomos observan o ceo cos seus telescopios e aparecen uns seres galácticos


Os seres galácticos falan cos astrónomos que lles comunican que non os terrícolas non son os amos do ceo, que xiramos en torno ao sol.





Copi e máis Gleo comproban co teslescopio o que dixeron os seres galácticos e observando a Marte miran uns seres verdes e unha "VACA MARELA" que gobernaba en ese planeta






Copi e Gleo publican a información, pero ninguén lles facía caso...e montouse un gran folión...Os gobernantes da IGREXA prenderon a Copi e Gleo para que explicaran o que vían polo ceo. Mais como o que contaban, á Igrexa non lle conviña, obligáronos a dicir que todo era unha mentira.






Copi e Gleo, por defender as verdades chegaron a perder a vida queimados na fogueira en mans das bruxas, mais, para estudio da ciencia quedarían aquelas teorías.





Centos de anos pasaron dende os acontecementos. Nunha vella biblioteca alguén atopou aqueles documentos. No século XXI a ciencia ten novas metas.
Científicos de todo o mundo buscan vida noutros planetas.
Trátase de resolver o enigma que a todos ten preocupados ¿Que pinta unha vaca marela no medio de tantos marcianos?






Os científicos elaboran teorías sobre a presenza dunha vaca en Marte e deciden mandar astronautas a investigar este feito




JAVIER VILLAVERDE, nacido e Castrelos Foi número un da súa promoción de astronautas na NASA ,logo dun rigurosísimo proceso de selección. PEDRO MONTERO, o seu compañeiro de fatigas polos barrios de Castrelos, quixo ser gaiteiro antes que astronauta. Malia que tiña estilo, non tivo moito éxito dominando o fol, e decidiuse polos estudios científicos, formándose nas universidades da NASA e destacando polo seu gran dominio do inglés.


Samuel Abalde seguiu pasos moi diferentes aos dos seus colegas de Castrelos.Superada a xa coñecida proba de capacidade pulmonar...decidiu emprender os camiños da aventura, que o levaron ata Suíza onde aprendeu a dominar o francés con elegancia. Logo de expoñer a súa famosa tese doctoral sobre o “ESTADO DO FIRMAMENTO NA NOITE DE NADAL” foi seleccionado como astronauta número 1 da AXENCIA ESPACIAL EUROPEA. Deste xeito voará a Marte para ver se desvela o misterio da vaca marela.






Os astronautas reciben as instrucións dos científicos, os da NASA danllas en inglés, os da Axencia Europea en francés





Os astronautas navegan cara a Marte, por unha banda os da NASA e por outro os da Axencia Europea






Os astronautas atópanse en Marte





No encontro, os da NASA falan inglés e o da Axencia Europea en francés





Os astronautas atopan á vaca e establécese un dialogo moi moi curioso; non perder detalle da forma de falar da vaca





Os astronautas fan ver a vaca a importancia de ser galego e descobren que a vaca tamén é galega e éntranlle gañas de voltar.




Voltan a terra coa vaca






Chegan a terra





En primicia: aí van as primeiras verbas da "VACA MARELA" unha vez chegada a terra





E como non podía ser doutra forma na terra faise un baile e unha festa para celebrar o regreso dos nosos heroes




F I N


Se queres ver fotos do festival só tes que picar na fotografía xa que o rato MIK xa as colgou no seu blog "o recanto de Mik"


viernes, 20 de febrero de 2009

ENTROIDO OTERO PEDRAYO 2009

Hoxe celebramos o entroido no colexio. O tema elixido este ano foi "O CINEMA" e todos os cursos se disfrazaron con motivos de películas famosas.

En primeiro lugar desfilaron os nenos e nenas de Infantil. A película que elixiron foi "101 DÁLMATAS"

Os nenos e nenas do primeiro ciclo foron disfrazados con motivos da película "Buscando a Nemo" que seguro que todos a coñecedes

Logo desfilaron os nenos e nenas de terceiro coa película de Astérix e Obélix

O Charlestón foi interpretado polos alumnos e alumnas de cuarto

Pasamos moito medo cos monstruos de quinto A

Os alumnos e alumnas de quinto B fixéronnos recordar as películas de "Piratas do Caribe"

Sexto bailó ao son da película GREEASE

Despois do desfile houbo baile e festa rachada ademáis de degustar as ricas orellas que trouxeron as nais

lunes, 16 de febrero de 2009

EQUIVÓCANSE

O xornal "O PAIS" publica no día de hoxe un artigo onde JULIA RODRÍGUEZ PÉREZ analiza no que se converteron os colexios de hoxe en día, a función docente e os problemas da educación.
Di :
  • que a calidade do ensino non é directamente proporcional ao número de días e de horas que os alumnos pasan na escola
  • que a educación non son servizos asistenciais, o colexio non é unha gardaría
  • que as condicións laborais dos docentes non son envexables
  • que cada hora de atención directa ao alumnado ten necesariamente detrás outras moitas horas de traballo e formación
  • que os problemas da educación non se solucionan adoptando medidas populistas

Se queres ler o artígo completo pica:

LER A NOTICIA COMPLETA

domingo, 15 de febrero de 2009

"CRIATURAS DOUTRO PLANETA"

" Criamos que viñeramos a este mundo a sufrir e resulta que pode haber unha alternativa e que somos parte deste marabilloso que nos conecta coa maxia do mundo, a maxia que descubrín un día nos ollos da miña filla "

É unha cita que acabo de ler no Faro de Vigo de Elisabet Pedrosa e que me chegou, de verdade, á alma.


Elisabet Pedrosa, guionista do programa L 'ofici de viure de Catalunya Ràdio, é a nai de Gina, unha nena de 5 anos coa síndrome de Rett. A súa enfermidade é moi descoñecida. A efectos prácticos implica que o enfermo non pode falar, non pode camiñar, non pode utilizar as mans, ten escoliose (unha desviación das costas motivadas por non ter un control postural). Tamén os dedos perden habilidade porque non poden utilizarse. As nenas Rett ten unha esperanza de vida normal, pero a raíz destes pequenos problemas a súa calidade de vida diminúe moi rapidamente. É a forma máis severa de autismo


Elisabet Pedrosa escribiu un libro para dar a coñecer a síndrome de Rett. Titúlase "Criatures d 'un altre planeta" e o 100% dos dereitos de autor destinaranse á investigación.


Trátase dun libro extraordinario polo testemuño persoal de superación diaria da minusvalidez e tamén polo proceso de transformación persoal daqueles que conviven con Gina, especialmente de Elisabet, a súa nai.

Mañá, día 16 Elisabet dará unha conferencia en Vigo, organizada polo Club Faro de Vigo





lunes, 9 de febrero de 2009

VISITA DA MAGA

Os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos, dos colexios Otero Pedraio e Mestres Goldar, en Vigo, están “adentrándose nos sons da selva”.
Fixeron amizade con Mowgli, con Baloo e con Bagheera, visitaron a cova de Raskha e recibiron a visita da MAGA DA SELVA, quen lles fixo algún truco de maxia e os converteu en animais da selva. Agora teñen un carné para seren Magas e Magos da selva…..veremos se o conseguen.


Grazas, a mestra de Audición e Linguaxe, María por ilusionar aos nenos e nenas co seu traballo

NENOS E NENAS DESOBEDIENTES

Aproveitando este día de temporal e que a Xunta suspendeu as clases déixovos unha presentación que resume o que estamos a traballar na "ESCOLA DE PAIS E NAIS" sobre os nenos e as nenas que non son obedientes onde estamos a tratar aspectos como:

  • ¿Como se comporta o neno desobediente?
  • ¿Cando un neno ten que ser obediente?
  • ¿Por que os nenos desobedecen?
  • Pautas educativas inadecuadas que fan aos nenos desobedientes
  • Características dos ambiéntes familiares que se asocian coa desobediencia.
  • Tratamento sistematico por parte dos pais para evitar a desobediencia
  • Estratexias a utilizar con nenos desobedientes


sábado, 7 de febrero de 2009

ENIGMA

Como no "RECANTO DO MIK" están a gozar como tolos propoñendo enigmas e adiviñanzas, aquí tamén vos propoño o seguinte enigma:

O pai de Antón era mais vello que o seu avó. ¿Como puido ser?

lunes, 2 de febrero de 2009

Where the Hell is Matt? (2008)

Que está facendo MATT HARDING? Bailando
Matt Harding é un estadounidense de Seattle de 31 anos. Un bo día decidiu abandonar o seu traballo como programador de videoxogos en Brisbane (Australia) e gastar todo o diñeiro que gañara en dar a volta ao mundo. No camiño coñeceu un compañeiro de viaxe coa que facía un baile apto para torpes. Este amigo suxeriulle que gravase o seu baile. E iso foi o que fixo. Matt decidiu inmortalizarse coa súa cámara de vídeo facendo o seu peculiar baile diante dos monumentos que foi visitando. Cando chegou á súa casa montou o vídeo e colgouno en Internet. O resultado foi un éxito irresistible. Miles de persoas metéronse en Youtube para ver o extravagante bambeo das súas cadeiras


Fran Piñeiro, mestre do Colexio do Chouzo, baseándose en Matt Harding, foi capaz de facer bailar toda unha comunidade educativa con este "baile da amizade".

O único obxectivo de Fran facendo este video foi arrancar un sorriso a todos os que o viron, aínda que eu creo que hai outros obxectivos moito máis profundos. Parabén Fran por ser capaz de poñer de acordo a todos e todas.

http://chouzouno.blogspot.com/
Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.