sábado, 19 de abril de 2008

CAMBIO DE CONDUCTA: REFORZO POSITIVO

Un dos grandes retos dos pais e nais é tratar de cambiar condutas non desexadas dos seus fillos.As técnicas de modificación de conduta fundaméntanse nas teoría da aprendizaxe, segundo as cales a conduta depende das súas consecuencias:
  • toda conduta que ten unha consecuencia agradable tende a repetirse
  • toda conduta que non é seguida dunha consecuencia agradable tende a perderse.
En base a esta máxima: se algo nos agrada...., se alguén nos eloxia o que facemos..., se nos premian a nosa acción..., se eloxian o que dicimos..., se nos rin..., se nos fan unha caricia... REPETIMOS; é pola contra, se quedamos desgustados..., se critican o noso comportamento... se nos berran ou nos insultan..., se non sacamos ningún beneficio do que facemos..., se o que facemos nos prexudica ou nos fai dano....ABANDONAMOS.

Ase pois as técnicas de modificación de conduta son un conxunto de estratexias que utilizan o reforzo e o castigo para establecer ou incrementar as condutas desexadas e reducir ou eliminar os comportamentos non apropiados.
As principais técnicas de modificación de conduta son:

1.-PARA INCREMENTAR CONDUTAS
Reforzo positivo:
· Eloxio
· Atención
· Contacto físico
· Recompensas e privilexios
. A lei da aboa
2.-PARA DIMINUÍR CONDUTAS
Extinción
Custo de respostaIllamento
3.-COMBINADOS
Economía de fichas e Contrato de conduta
REFORZO POSITIVO
O bo comportamento, a disciplina, depende máis das consecuencias positivas que se derivan del que do medo aos castigos; polo tanto, é un erro identificar disciplina con emprego exclusivo do castigo.
É moi importante prestar atención e reforzar as condutas adecuadas que normalmente nos pasan desapercibidas. Se só se responde ás malas condutas, tal e como facemos con moita frecuencia, créase un círculo vicioso de “mal comportamento” mantido pola atención do pai/nai.
Exemplo: Está comprobado que é moi eficaz eloxiar o comportamento de estar sentado/a, mentres que ordenar repetidamente sentarse aumenta a frecuencia de estar de pé.
Requisitos de aplicación:
· Identificar claramente o comportamento correcto
· Aplicar o reforzo positivo inmediatamente despois da emisión da conduta adecuada.
· Aplicar o reforzo frecuentemente.
REFORZO POSITIVO: O ELOXIO
Premisas para a súa correcta aplicación:
· Debe ser descritiva: Nomearase con claridade a conduta , especificando aspectos concretos: “Luís, está moi ben o de recoller os papeis do chan”, “Grazas por axudarme a limpar a mesa”, “Paréceme xenial que compartas as cores co teu irmá”...
· Pero tamén é conveniente combinar estas loanzas específicas coas de tipo xenérico: “Síntome orgulloso de ti”
· Debe incluír comentarios positivos e motivadores para o neno ou nena: “Paula, fixeches un traballo excelente no exercicio de matemáticas: os números están perfectos e as columnas ben ordenadas”.
· Deben eloxiarse os comportamentos positivos, manque sexan pouco importantes ou nos parezan normais e non dignos de mención, tales coma: atender, estar quietos...
· O eloxio debe ser sincero, centrándose só no que está ben feito. Se está ben parte da tarefa e a outra mal, loarase a parte positiva e logo diráselle o que está mal e debe repetir: “A cama está ben feita, agora tes que limpar ben o chan”.
· O tono do eloxio debe ser agradable e é moi importante evitar a toda costa calquera tipo de sarcasmo ou comentario negativo, coma por exemplo: “Menos mal que acabaches facendo a cama” “Luís, hoxe comiches todo, case non o podo crer”
· Non deben incluír nunca referencias a unha mala conduta pasada do alumno/a: “Bo traballo, Manuel, non sei por que non o fixeches así de ben antes, non coma o que fixeches outro día...”
· Débese cambiar a loanza para evitar a monotonía: “Está moi ben, é orixinal, gústame...”

REFORZO POSITIVO: A ATENCIÓN
A atención que se lle presta aos nenos e nenas é un reforzador moi poderoso, por iso cómpre estar moi atentos/as para non empregala de forma continxente a comportamentos inadecuados, contribuíndo a aumentalos ou perpetualos. Nestes casos é preferible a retirada sistemática de atención.
Procedementos para prestar atención ante condutas positivas:
Mirar ó neno/a
Sorrirlle
Facerlle un comentario rápido ou preguntarlle algo
Manter con el unha conversa breve
Realizar xunto con el algunha actividade
Etc.

REFORZO POSITIVO: O CONTACTO FÍSICO
Tamén é un reforzador moi potente, especialmente cos nenos/as máis pequenos/as.
Formas de contacto:
Sentarse preto do neno/a
Sentalo/a nos xeonllos
Abrazalo/a
Bicalo/a
Facerlle cóxegas
Palmada cariñosa
Participar co neno/a en xogos que implican contacto físico (Por exemplo, subir a cabalo)

REFORZO POSITIVO: RECOMPENSAS E PRIVILEXIOS
Pautas para a correcta utilización:
Identificar as recompensas e privilexios apropiadas para cada suxeito, dado que os que son reforzantes para uns/unhas poden non selo para outros/as. Un bo método para acertar consiste en observar que reforzos escolle cada individuo libremente: xogar ao fútbol, uso dun determinado xoguete, ler contos, escoitar historias que conta o/a profesor/a...
Non fomentar o uso de chantaxes por parte do neno/a: non se pode reforzar o abandono dunha conduta inapropiada que o/a neno/a emite só para obter recompensas por deixala.
-“Manuel, séntate inmediatamente”
Manuel rise e sigue de pé pola cociña
-“Manuel, se te sentas douche un cromo”
Manuel séntase
As recompensas deben darse sempre inmediatamente despois da emisión da conduta desexada, nunca antes. Non serve de nada a administración do reforzo ante a promesa de realizar logo a conduta desexada: “Se me prometes facer logo os deberes, déixoche ver a tele”.
As recompensas e privilexios deben ser usados consistentemente, xa que o cambio de conduta non acostuma a ser inmediato, leva un tempo.
As recompensas e privilexios deben variarse para evitar a habituación
Deben darse en proporción á importancia e á dificultade das condutas que se queren premiar.
A LEI DA ABOA
Consiste en esixirlle ao neno/a que faga algo que non lle gusta como condición indispensable para conseguir algo que lle gusta: “Poderás comer a torta cando comas o pescado”, “ Se rematas o exercicio de matemáticas poderás ver a tele”, “Non poderás saír ao patio ata que recollas as túas cousas”
Esta lei funciona mellor se as consignas se dan de forma positiva e tranquila, non de maneira impositiva, berrando ou alterados, xa que provocan reaccións negativas nos suxeitos. Non se debe dicir:“¡Tes que rematar a tarefa para poder saír!”, “Os teus compañeiros xa están fóra, ti sairás cando remates”....

Na próxima publicación escribirei sobre as "técnicas para extinguir ou diminuír o comportamento inadecuado (Extinción, illamento, custo de reposta e perdida de privilexios) e se non me alargo moito escribirei tamén sobre as técnicas combinadas de modificación conductual (contratos de conduta e economía de fichas)
Déixovos un vídeo que vimos na escola de pais e nais para que mediteis e dejeis algún comentario se creeis oportuno


Un saúdo. Ubaldo

1 comentario:

Mik dijo...

PARABÉNS POR ESTA INICIATIVA,UBALDO. SEGURO QUE AS FAMILIAS DOS NOSOS CENTROS SACARÁN BO PROVEITO DA INFORMACIÓN E CONSELLOS QUE ATOPEN AQUÍ. BENVIDO Á BLOGOSFERA!!
MIK

http://www.blogoteca.com/orecantodemik/

Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.