jueves, 4 de febrero de 2010

Que menores ven os menores en televisión

Un informe elaborado pola Asociación de Usuarios da Comunicación (AUC) onde trata de identificar cales son as imaxes que a programación televisiva ofrece dos nenos e adolescentes e determinar que valores, positivos ou negativos, se desprenden das devanditas imaxes no que se analizaron 87 espazos televisivos durante oito meses conclue que:

*A programación dirixida ao público máis infantil presenta unha visión excesivamente autónoma da infancia, na que os menores se relacionan basicamente entre eles, coma se vivisen nun mundo autosuficiente e eternamente infantil no que os adultos están ausentes ou aparecen de modo secundario e, ademais, ameazante dese mundo idílico.

*A figura do menor é utilizada moitas veces como coartada, como escusa para ofrecer puntos de vista adultos de crítica social ou costumista. No grupo de series con estes "falsos nenos", ás veces de gran calidade, poden mencionarse produtos como Shin Chan, Malcom in the Middle ou Los Simpsons, pero o especialmente preocupante é a emisión de debuxos animados claramente de adultos emitidos en horario de protección infantil e moi seguidos polos adolescentes e mesmo por nenos e nenas (Padre de Familia ou American Dad).

*O medo tradicional asociado a protagonistas infantís, propio dos contos e cun propósito "domesticador", perdeu relevancia nos últimos tempos, aínda que volve a través de series como El Internado ou Hay alguén aí. Máis común é ver os menores como vítimas das turbulencias emocionais dos adultos ou dos seus irmáns adolescentes.

*A violencia é moi intensa e explícita nas series xaponesas ("Bóla de Dragón" e as súas derivacións, Naruto, Goku, Sarxento Keroro...), fronte á violencia clásica edulcorada e humorística das producións anglosaxonas. En ambos os dous casos o tratamento desa violencia banalízaa e, ademais, abórdase dende o punto de vista do agresor (que se identifica co menor), e non se desenvolve ningunha empatía cara á vítima. Anímeos xaponeses presentan personaxes zoomórficos, superheroes con mutacións, máquinas, etc. e abordan, moitas veces con fatalismo, aspectos como a valentía, a competitividade, a amizade, a sinceridade, o éxito e o fracaso, a honra, o ben e o mal...

*En canto á imaxe dos adolescentes, o estudo pon de relevo unha serie de paradoxos e contradicións: o recurso a unha estética e linguaxe transgresoras contrasta cunha visión moi convencional dos roles de xénero.

*Aparece tamén unha contradición entre a visión "politicamente correcta" moderna e solidaria na formulación de determinados temas, como a homosexualidade, a discriminación, o pacifismo, o medioambiente, a igualdade de sexos e unha defensa con decisión do individualismo e da competitividade nos comportamentos cotiáns deses mesmos adolescentes.

*Trivializa se o tratamento de aspectos como as relacións sexuais dos adolescentes, mesmo con adultos(profesores) ou o consumo de drogas, especialmente o alcohol, que se converten nun trazo imprescindible (e rutineiro) das relacións entre iguais, sen que adoiten aparecer referencias ás consecuencias que poden provocar estas prácticas. Estes aspectos reflíctense claramente en series como "Física e Química", "HKM" ou Gossip Girl.

*Tanto na programación infantil coma na xuvenil, aparece un cuestionamento da figura paterna e dos adultos en xeral, especialmente das figuras masculinas. Moitos pais son presentados como inmaturos, egoístas e ignorantes (Os Simpson, HKM, Pai de familia...). As súas normas e límites son presentados como regras máis ou menos arbitrarias que poden e deben transgredirse. Preséntase a adulto como un "adolescente añoso" e as relacións entre este e o menor son horizontais, simbióticas, mesmo (como indicabamos), no plano sexual. O paso á idade adulta non é percibido polos adolescentes como un proceso de maduración senón simplemente de "paso do tempo"

*A iso contribúe o feito de que a imaxe que se ofrece dos adolescentes se caracteriza polo narcisismo e a omnipotencia polo que non hai límites á hora de transgredir as normas.

Das principais conclusións do estudo pódese deducir que a imaxe que os menores reciben de si mesmos a través da televisión, ademais de estar claramente nesgada dende unha determinada visión adulta, se orienta claramente a satisfacer os intereses do negocio audiovisual e da marchandizaxe, supeditando a eses intereses as necesidades psicolóxicas, sociais e pedagóxicas deses menores.

Tampouco se prové os menores dunhas normas de consumo e uso crítico da televisión, unha alfabetización mediática que lles permita filtrar as mensaxes que reciben polo que a influencia que poidan ter sobre eles os estereotipos que transmiten os distintos programas é moi elevada.

Traducido da páxina da AUC
http://www.auc.es/Documentos/Comunicados%20Prensa/docnot2009/jun03.pdf

No hay comentarios:

Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.