viernes, 11 de junio de 2010

Resultados das probas do alumnado de 2º, 4º e 6º

O pasado mes de maio aplicámoslle ao alumnado de 2º, 4º e 6º  unha proba (BADyG) que intenta medir as aptitudes, tanto xerais como diferenciais, dos nenos e nenas.


O vindeiro martes 15 de xuño, no salón de actos do colexio, explicaremos en que consistiu a proba e que aptitudes xerais e diferenciais miden, para poder así entender os resultados que obtiveron os nosos fillos.

O horario da reunión será:
  • Segundo................16,30 horas
  • Cuarto...................17 horas
  • Sexto.....................17,30 horas
Os resultados só se darán, en sobre pechado, aos pais ou nais que acudan á reunión-explicativa.

QUE PODEMOS FACER AO COÑECER OS RESULTADOS?

  • Quedarvos coa idea global do resultado, máis que afondar nunha proba en particular que pode estar sesgada.
  • Podedes consultar ao orientador as dúbidas que vos xurdan.
  • Se os resultados son altos e as notas non brillan especialmente, podedes animarlles e podedes ter a seguridade de que como a capacidade non é un problema para el, haberá que reforzar as outras áreas que seguramente serán deficitarias, como quizá a vontade, a motivación, a constancia, a conducta.
  • Se os resultados son baixos, é posible que ao mesmo tempo as súas cualificacións sexan baixas. Neste caso, a proba confírmanos que hai unha dificultade obxectiva que explica unha parte das súas dificultades e, debemos axudarlle a estudiar, a comprender e a facer as tarefas, porque o mozo necesitará compensar con máis traballo o que ten de deficitario a intelixencia.
  • Se os resultados son baixos e as notas medias, é que ou ben o test non ten validez, ou ben está compensando con dedicación parte das súas deficiencias.
QUE NON É CONVENIENTE FACER
  • Non é conveniente nin deprecialos nin obsesionarse con eles.
  • Tampouco convén facer comparacións entre irmáns ou parentes.
  • Non é necesario contarlles ao detalle os resultados, pois para eles o concepto de intelixencia non ten o mesmo significado que para nós.
  • Se son negativos, é mellor non mencionalos.
  • En definitiva trátase de usalos con prudencia e a vosa tarefa como pais é empregalos para axustar a esixencia ás súas verdadeiras posibilidades e axudar alí onde se detectan carencias.
¿ATA QUE PUNTO O TEST É VERAZ?
  • A intelixencia é unha facultade superior do ser humano, e dada a súa complexidade, resulta difícil de avaliar e de medir. Por isto mesmo é necesario tomar os datos que se ofrecen neste informe con cautela. Ademais, hai varios aspectos que poden distorsionar os resultados como son o cansazo, a falta de atención, o ambiente da clase, a motivación, o estado de ánimo, as preocupacións, as explicacións máis ou menos acertadas da persoa que pasa a proba, etc.
  • Neste sentido, hai nenos que deron nalgunha proba un valor baixo, cando en realidade sabemos que a súa capacidade e preparación é maior. Non ten maior importancia, pode significar que naquel preciso momento houbo algún dos factores mencionados que lle interferiu.
  • Tamén, en ocasións, a razón é o concepto de intelixencia funcional, é dicir, o neno é máis capaz, pero funcionalmente, traballa cun ritmo inferior ás súas posibilidades. Os seus recursos emprégaos a ese ritmo.
  • Como a intelixencia pode evolucionar, non se poden facer prediccións rigurosas de futuro con estes datos. Son a expresión mínima da súa capacidade, non o seu límite superior.
  • Ademais, insistimos niso, o éxito ou o fracaso escolar depende tamén doutros factores cruciais como son a motivación e os hábitos de estudio e dos cales aquí non hai referencias.
  • En definitiva, a finalidade da proba é dar pistas para orientar ao alumno no terreo académico, actuando sobre os seus déficits e potenciando as súas habilidades.
Para ver máis información das probas:

No hay comentarios:

Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.