jueves, 8 de enero de 2009

3ª INTENCIÓN. AS RAREZAS

A maioría dos nenos cre que ten algo raro. Adoitan chegar á conclusión de que son diferentes dos outros nenos cando empezan a escola. Unha vez que o neno se decata de que é raro, isto convértese nun problema para el. Algúns nenos nacen raros, e outros convértense en raros debido á súa educación. Acontécenlles cousas tan estrañas e impredicibles que se os seus pais tamén son un pouco raros, poderán soportar mellor a súa propia rareza.
Con raro refírome a un pai que é espontáneo. Un pai que de súpeto fai o contrario do que espera o seu fillo. Un pai raro é aquel que non teme parecer parvo aos ollos do seu fillo nin se poñer ao seu propio nivel e "actuar como un cativo". Ser raro é outra forma de reforzar os lazos entre pais e fillos. Os bos pais establecen vínculos moi fortes cos seus fillos, aínda que para iso teñan que renunciar ao control absoluto.
Os pais raros tenden a respectar o que os converte en raros. Pode tratarse dun talento, un interese ou unha actitude pola que senten paixón.
Demostran un compromiso coas súas ideas que vai máis alá do normal. A paixón que senten os pais polos seus intereses é a miúdo comunicada aos seus fillos, que aprenden que apaixonarse por algo non só é posible senón desexable. A unha idade en que é raro adquirir fortes compromisos, aprender esta lección pode axudar a alguén a ser un home de éxito, porque os grandes logros adoitan ser o resultado dunha entrega apaixonada.
Algunhas normas sobre como ser raros:

  • Hai que atopar tempo para expresar paixón por algún interese en particular.
  • O comportamento dos pais non debe guiar o futuro do neno tanto como a vida interior, as intencións, desexos e sentimentos dos pais.
  • Hai que dicir ou facer cousas de cando en vez que o neno non espera.
  • Hai que pasar moito tempo cos fillos a soas.
  • Hai que falar cos fillos de cousas que interesen ao pai, aínda que aqueles parezan non entender de que se está a falar.
  • Hai que defender as súas ideas con forza pero non esixa que os nenos teñan as mesmas opinións.
  • Non hai que ridiculizar algo que o seu fillo toma moi en serio.
  • Hai que ter algunha actividade creativa que o seu fillo lle vexa desempeñar.
  • Hai que deixar que os seus fillos vexan os seus sentimentos. Non teñen porqué ser necesariamente positivos. A rabia, a indignación e a confusión son emocións ás que o seu fillo debe aprender a enfrontarse.
  • Hai que entender que o proceso de crecemento é irregular, episódico e incoherente. Ningún dos seus fillos terá un proceso de desenvolvemento perfecto. Non se preocupe. Cando o pai se gusta a si mesmo, os nenos tamén rematarán gustándose antes ou despois.

"Como ser mellores pais" de Gloria Marsellach

No hay comentarios:

Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.